Monday 06 de May de 2024

A Regata Rías Baixas 2023 afianza a súa aposta pola Pobra como un dos seus portos sede


A Regata Rías Baixas volverá navega-la costa suroeste galega na súa 60.ª edición coa Pobra do Caramiñal, novamente, como un dos seus portos sede.

A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, enxalzou a dimensión desta cita que pon a vista no mundo náutico como un polo de atracción turística, tal e como se constata non só coas regatas que teñen unha etapa na Pobra, senón tamén coas numerosas actividades que pon en marcha a Administración local no ámbito marítimo. Neste senso, a edil indicou que este tipo de accións permiten coñece-lo patrimonio paisaxístico dende outra perspectiva e destacou que A Pobra será o porto de referencia na ría da Arousa.

No acto de presentación tamén estivo o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, quen sinalou que na regata participarán arredor de 70 embarcacións, o cal xerará un movemento de máis de 2000 persoas entre tripulación e acompañantes por terra en cada un dos portos sede, que se corresponden con cinco etapas na seguinte orde: Vigo-Combarro, Combarro-A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal-Sanxenxo, Sanxenxo-Vigo e Vigo-Vigo.

Esta travesía a vela arribará no 11 de agosto ao concello pobrense e concluirá así a segunda etapa que ten a saída en Combarro. Nese mesmo día terá lugar un ágape, repartirase material divulgativo e entregaranse, no total, 7 premios ao primeiro barco clasificado de cada unha das seguintes clases: ORC grupo 1, ORC grupo 2, ORC grupo 3, ORC grupo 4, ORC grupo 5, Open e Sportboat. No día 12 partirase da localidade en dirección a Sanxenxo, o cal se corresponde coa terceira etapa.